-María, que leva a bola? Levadura, sal...-preguntou Eugenio.-... fariña... para que o queres saber?-dixo ela.-Para facer o exercicio!
27 sept 2010
Anécdota xogarina 2
22 sept 2010
Adeus, Ran
-Por favor, por favor, Ran... – suplicaban os rapaces, case chorando – … non marches, non…
-Veña, tranquilos todos. Non vos preocupedes, ¡se nuns meses volveremos estar xuntos! – intentaba animalos.
-Mentira… queda moito… ¡nove meses son demasiado tempo! – Insistía Lucía – Eu non quero que marches nunca.
- Mira, prometémosche que lavaremos os dentes todos os días, e repasaremos a táboa de multiplicar e comeremos todo o que haxa no prato. ¡Faremos caso de todo o que digan os papás! – intentou Ramón.
-Non pode ser. – cortou Ran – estanme esperando noutros sitios, non lles podo fallar.
-Pero… pero… - hipou un – pero … ¿Por que?
-Xa volo expliquei: son cousas do traballo. Ademais, non sei por que vos poñedes tan tristóns, ¡se en canto eu marche, virá Toño!
Ese comentario pareceu entristecer aínda máis aos rapaces, que a miraron cos ollos brillantes.
-Xa teño que marchar, o voo sae as 5:08. – anunciou – Portádevos ben mentres eu non estea, ¿dacordo? Xa veredes que ben o ides pasar con Toño, Erno e Vera.
Lucía sorbeu os mocos e dixo con voz tomada:
-¿Prometes que vas volver?
-Que si homiño, o 21 de xuño estarei aquí. Palabra. – dedicoulles un último sorriso entrou na porta de embarque.
E o verán marchou.
Cando o reloxo marchou as 5:09, ante os rapaces apareceu un home grande e de aspecto afable.
-Boas, son Toño.-presentouse o outono.
_____________________________________________________________________
Levo pensando esta entrada desde principios de agosto, por unhas cousas e outras, non me puxen con ela ata o de agora.
Rematou o verán. Rematou a troula, as tardes sen facer nada e o erguerse ás doce da mañá.
Destes tres meses quédome co aniversario, as tardes polo chanto e o malecón, os partidillos de fútbol nas que me metían tres ou catro goles mínimos, o concerto de Mika, as aceñas 2.0 e si, tamén cos ratos falando polo chat, aínda que só fora para dicir "abúrrome".
A canción que me soa na cabeza ao pensar no verán 10, é Lollipop e, como non, Os Piratas (... non gostamooos, dos mascatooos, pooorque baixan das alturas...).
O libro do verán é A praia dos afogados, de Domingo Villar.
O lugar... mm... Sarria/Vilasante/Castrelos.
A frase, "yo no soy marineerooo, soy un delfín!!!".
E o momento non entra neses tres meses, así que... deixoo o oco: _____.
Empezo o curso algo angustiada e cun baixón que, sorprendentemente, a medida que avanzan as clases, vai diminuindo.
Teño moitas cousas por facer nestes nove meses, o principal é non baixar as notas, tamén espero continuar ca revista (estreamos blog! pasádevos!!!) e poder ir visitar Andorra unha vez máis (profes! Eso depende de vós!!).
Pero tamén teño ganas de disfrutar o curso, de pasalo ben e de aproveitar o tempo.
¿Un propósito? - Estudar ó día.
En nove meses (270 días, en realidade), veremos en que quedou a cousa.
Pero non creo que faga falta esperar tanto se queredes saber máis das nosas andanzas polo Xograr. Decidimos contar no blog unha anécdota/frase diaria que marcara o noso día no instituto. A de hoxe, escollida por Sandra, é a seguinte:
-¿Onde está Eugenia?
-Cambiouse para música.
-¿Como o sabes?
-Non o sei, pero cruceime con ela e ía cunha flauta...
(os nomes empregados nas frases non serán os verdadeiros, por motivos obvios)
Todo por hoxe, ata loghiño!
3 sept 2010
Hipo de animais
O meu caderno de deberes de segundo de primaria era un dos obxectos que máis odiaba neste mundo. Era horrible ter que collelo cada tarde e poñerme a facer aqueles aburridos exercicios (xeralmente copiados ou series de números) que me roubaban marabillosos minutos de xogo.
Afortunadamente, de cando en vez, a profe mandávanos escribir un conto. Aquilo si que me gustaba, e moito. Facía os deberes con ilusión nesas tardes ocasionais, como a de aquel catro de maio na que escribín isto:


1 sept 2010
Homesick
20 ago 2010
Catro historias e un final
Un
Ábrese o telón e Sofía por fin ve o seu público. Varios centos de pares de ollos fítana con emoción, impacientes por escoitar a súa impresionante voz.
O director da orquestra comeza a abanea-los brazos e os instrumentos liberan por fin as primeiras notas. Sofía colle aire e fai vibrar as súas cordas vogais:
A emoción sae da súa gorxa, espallándose por todo o teatro e facendo cóxegas nos estómagos daqueles que están sentados nas butacas.
Dous
Auga. Non existe nada máis; só a auga que lle fala preto da orella. Os calos dos pés, a dor de cabeza, a avaría do coche, a vista cansa… todos desapareceron. Fóronse. Está flotando e a auga é o único que existe para el.
Tres
Dígollo ou non llo digo? Merda! Joé, se fose un pouco máis valente… pero non, son un covarde. Aínda así teño que dicirllo, teño que se valente por unha vez. Pero claro, se llo digo e sae mal, nada volverá ser coma antes. Ains…
Catro
Todos están xa no barco, rumbo dunha nova vida.
A auga inundará en poucos minutos as súas terras. Dentro de nada os seus fogares non serán máis ca fondo mariño.
Edna observa por última vez a súa casa dende a cuberta da embarcación. Non está triste, polo menos non moito. Só unha miga. Deixar a casa dóelle, pero a emoción de ir ver por fin o mundo compensa a mágoa.
—Coidado!—berra de súpeto un rapaz que andaba tamén pola cuberta.
—Que pasa?—pregunta Edna, pero xusto nese intre a pregunta vólve absurda; ela mesma pode ver a resposta.
Un golfiño xigante que dispara auga pola boca está atacando o barco. Todos corren, a pesares de que sospeitan que non servirá de nada.
E todas remataron…
…cando deixou de vir a auga quente.