10 ago 2010

16

Hai dezaséis anos, tal día coma hoxe á hora aproximada da publicación desta entrada, viña ao mundo o 50% do blog: María.
Hai xusto un ano, supoño que tamén a estas horas (en verán o meu cerebro funciona mellor pasada a medianoite), eu atopábame fronte ao ordenador dándolle os últimos retoques ao texto que ía utilizar para desexarlle un feliz decimoquinto aniversario. Se non nos tivesemos cargado as entradas anteriores ao Renacemento cando sucedeu a Revolución ocular, enlazaríavos con aquela extensa felicitación. Non pode ser, así que decidín pegala aquí:

Hoxe cúmprense quince anos dende o día no que María deixou claro que quería ser unha adiantada ó seu tempo tomando a decisión de vir ó mundo despois de só sete meses de xestación. Seguramente estaba cansa da súa monótona vida de feto —buceo, turismo uterino, alimentación umbilical e pouco máis—, así que pensou “Vou saír. Total, por dous mesiños de nada…” e botou fóra sen estar biolóxicamente preparada para facelo. Lamentablemente este adianto case lle custa a vida.
“Era nova e inconsciente.” afirma María cun brillo nostálxico nos ollos cando se lle pregunta pola decisión que estivo a piques de devolvela ó limbo. “Tiña présa por saír e non me parei a medir as posibles consecuencias. Cando só levas uns meses sendo pluricelular tés outro concepto do paso do tempo.” aclara.
Pero empezar no mundo con mal pé non lle impediu levar unha vida normal. Nestas liñas fago un repaso á súa vida en tres apartados dende o meu punto de vista, que é de todo menos obxectivo.
ONTE:
Ós tres anos comezou a ir á escola e, se ben non dominaba moito iso de “pintar sen saírse”, dende o primeiro día mostrou unha abraiante habilidade á hora de facer albóndegas de area. Claro que María non era só coñecida polas súas albóndegas: tamén estaban os vídeos deEl nuevo mundo de los gnomos, que levaba á clase a miúdo e que viamos todos sentados coma indios diante daquela tele que tiña un cu que metía medo.
Os dichosos gnomos causábannos unha gran impresión, así que rematamos criando o verme do ecoloxismo nos nosos cerebros. Seguramente foi isto —outra explicación non vexo— o que nos levou a María e a min a colaborar cóbado con cóbado salvando paxaros mortos, tratando de criar xoaniñas en botes de Lacasitos e impedindo que un desalmado chamado Chirstopher asasinase cun pau de Chupa Chups unha miñoca.
A ecoloxía uníanos, pero non todo eran flores entre nós. Nunha ocasión estabamos pintando un Bambi na clase. Eu quería facelo o mellor posible porque Bambi era un dos meus contos preferidos, así que movía a pintura despaciño e con coidado de non saírme. Volvinme cara o lado para ver que tal o estaba facendo María e comprobei con horror que, en lugar de pintar como había que pintar, ela estáballe facendo garabatos ó pobriño cervo. Eu collín e díxenlle “María, así non se pinta” e acto seguido mostreille como había que facer pintándolle no seu debuxo. Ela contestou cun berro seguido dun “Ahora te voy a pintar yo en el tuyo” e duns garabatos cargados de mala uva que chafaron o meu Bambi. Aínda non lle perdoei.
O tempo pasou e a Educación Infantil quedou atrás, con todo o bo e todo o malo. María seguiu centrada nas súas series de televisión favoritas e seguiu demostrando que ser cabezona ten unha parte mala e unha parte razoablemente boa. Anécdotas da época? Soubo que a súa vesícula non funcionaba e que terían que sacarlla —isto ten unha historia digna de ser contada, pero mellor que a relate a protagonista—, elixiu a frauta traveseira como instrumento, aprendeu a nadar e a montar en bici, decidiu que quería ser xornalista, fíxose fan de LOVG, cambiou de casa sen cambiar de domicilio, descubriu a literatura fantástica, etc, etc, etc.
HOXE:
Que que fai María hoxe por hoxe? Pois sofre algunhas febres contaxiadas por min, como o potterismo ou o recente papatopismo. Pasa as horas de mal humor poñendo a caldo persoas que non lle caen moi ben para logo semiarrepentirse, e as de euforia enchendo unha carpeta que ten no escritorio do seu ordenador baixo o título de “Proxectos”. Ten un amor platónico que, para a súa desgraza, non existe. Pasa parte do seu tempo lendo e criticando/alabando o que le, así como buceando pola rede na procura de cousas interesantes. E outra parte do tempo invírtea en debater con todo aquel que se preste.
MAÑÁ:
Todo parece indicar que o futuro de María pasa por baleirar esa carpeta titulada “Proxectos”. Alí dentro hai máis paxaros ca no Avifauna de Outeiro de Rei. Viaxes, vocación fixa, un documental por rodar, dominio do esquí… O tempo falará.
A min só me queda dicir: Felices 15 e que sigas enchendo e baleirando a túa carpeta! Espero poder botar unha man…

Perfectamente podería cambiar ese "15" por un "16" e santas pascuas, pero non podo facelo porque a) daríalles a razón a aqueles que din que son crutre, b) sucumbiría unha vez máis ao poder da miña propia vagancia.
Felices 16, María. Creo recordar que non hai moito dixeches que o día do cumple non ten máis importancia, douche a razón. Pero teño claro que é un día que se presta moito á reflexión sobre todo o que pasou e o que pasará, e sei case con certeza que hoxe non vas poder evitar darlle voltas á cabeza.
Por se as voltas te marean, déixoche unha canción que me anima a pensar en todo o bo que me pasou, coa esperanza de que che produza a ti as mesmas sensacións.
E por se a canción non é quen de frea-lo mareo, aquí quedan unhas palabras que, malia non ser nada do outro mundo, poderían funcionar:

Aumentan as candeas, o tempo segue correndo e o camiño comeza a bifurcarse. Dá medo, si, pero dun xeito ou doutro sempre somos capaces de pasalo ben e de aprender moito, conseguindo que cada ano que pasa a colección das cousas boas sexa máis completa.

3 comentarios:

  1. ¡¡FELICES 16!! E espero que non se vos olvide o de bambi!! Jejeje :D. Saúdos!!

    ResponderEliminar
  2. En fin... outro ano ás costas... nótome vella, ata creo que me vin unha cana!!
    Gustoume a canción.
    Engadir que non me sinto máis maior, nin diferente nin... nada. Hoxe foi un día relativamente normal: erguinme, felicitáronme, almorcei, fixen a cama (emms... máis ben non...)... etc etc etc
    Solo espero non pasar por esa fase de "reflexión sobre o futuro" que pasaron uns cantos, porque eu tívena fai uns meses e chegoume!

    Gracias pola entrada, Sandra!

    ResponderEliminar
  3. María las canas son interesantes aunque cuando las tenemos procuramos disimularlas...
    Espero que pasaras un feliz día, los "16" sólo se cumplen una vez y es un número muy importante, empiezan las grandes decisiones...
    Ando ocupada, pero feliz, disfruto del nieto, ya sabes por experiencia como somos las abuelas.
    Que lo que resta de día lo pases feliz, muy feliz.
    Abrazos.

    ResponderEliminar

Os cinco primeiros en comentar recibirán gratis e sen compromisos un marmolubio da mellor calidade.