14 nov 2010

Mollarse

O Goberno prefire non mollarse co asunto do Sáhara Occidental. Parécelle máis importante segir levándose ben con Mohamed VI ca condenar abertamente o ataque ao campamento de Agdaym Izik.

Haberá quen defenda o argumento dado por Trinidad Jiménez ("para condenar habería que ter un coñecemento completo de cales foron os feitos"), e probablemente non lle falte razón. A esaxerada variación dos datos de vítimas segundo a fonte é como para pararse a pensar, mais acontece unha cousa: Marrocos non quere que xornalistas estranxeiros conten o que está pasando no Aaiún ocupado. Pode que o Polisario estea inchando os datos, si, pero se dende Marrocos se intentan frear as informacións é por algo.

Haberá quen diga que é perfectamente comprensible que o Goberno queira manterse seco, que enfriar as relacións con Marrocos sería un contratempo, e seguramente tampouco lle falte razón. Pero co conto de non se mollar hai preto de trescentas mil persoas que levan máis de trinta anos vivindo en campamentos provisionais no medio do deserto, nun lugar onde ninguén escollería vivir. Miles de nenos que nunca viron o seu país, miles de vellos que morrerán sen volvelo ver.

Con este panorama a situación non vai cambiar nunca. Para vencer as inxustizas hai que mollarse, non queda outra. Hai que arriscarse a saltar á auga e logo, con sorte, xa nos deixarán unha toalla.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os cinco primeiros en comentar recibirán gratis e sen compromisos un marmolubio da mellor calidade.