19 jul 2012

Punto e seguido.

Alguén o tiña que facer, amigos: por distintos motivos de índole persoal, tanto Sandra coma min deixamos moi descoidado Ollos, así que creo que, agora que os nosos camiños están a piques de dividirse, é hora de dicir que O BLOG ESTÁ DEFINITIVAMENTE PECHADO.
Pero nun mundo conectado por cables, ningunha separación é insalvable: aquí abaixo vos deixo os links dos nosos twitters (esa nova rede social que está poñendo patas arriba o mundo) para que poidades seguir ao día das novidades daquela nena que fai catro anos se definía como sabichona con problemas de estómago que está a piques de empezar socioloxía e aquela outra que carga maleta de novos soños, vendo cumprido por fin o desexo de estudar xornalismo.


María: 
Sandra:

Lémonos na seguinte parada, amigas e amigos.
Bicos,

María.

23 mar 2011

In-

-Cal é o contrario de intelixente?
-Telixente.

18 mar 2011

S17

Nos últimos catro días, estivo no meu escritorio unha carpeta chamada "S17" que, pouco a pouco, se foi enchendo de metralla para celebrar os dezasete anos de Sandra.
A verdade, é difícil decidir qué regalarlle: os que a coñecemos sabemos que é unha persoa... á que é difícil conseguir "impresionar".
O primeiro no que pensamos, foi un regalo seguro: algún dos libros da súa estantería de desexos de aNobii. Marchamos a por el e, aínda que non conseguimos o que queríamos, fixémonos con outro dos da lista: Tobi Lolness.
Sen embargo, o regalo parecíanos algo cutrillo, e dixemos "hai que poñerlle algo máis". Así que tocou volver a pensar... e eu dixen "e se lle facemos un CD no que metamos cancións que lle fagan recordar momento vividos por todos nós???", e Pablo dixo "si! e tamén podíamos engadir a canción esta que fixera... como era? ah, si! o Mamut Patinador!", e Abella soltou "ui, si! e tamén lle gravamos un videoclip!". Esta idea, tras unha serie de intentos desastrosos, non chegou a ver a luz (por sorte para a humanidade).
... e así foi como, tres días antes do aniversario, nos xuntamos todos para berrarlle ó micro "Mamut Patinador, fíxose labrador,
agora xa se ergue caaaando sae o Sol!"
O deseño CD (todo o hai que dicir, aínda que vaia contribuir ao aumento do ego dalgún...) quedou realmente bonito, moi currado y moi "estilo Sandra".
Ademáis, fixemos un pequeno vídeo (que podedes ver abaixo) como plus.

Este venres, (de feito foi fai unhas poucas horas) saímos a dar unha volta e logo de que tirara cun vaso e regara a alguén (como é costume cada venres), no momento no que lle entregamos o libro, Sandra mirounos e dixo: (que pensades que fixo? chorar de emoción? sorprenderse? dicir que non o podía aceptar?! NON! Seguide lendo para descubrilo):
-Xa sabedes que non me gusta que me regalen cousas.
Logo da indignación colectiva, explicouse:
-É que non sei que cara poñer cando me dan regalos!
Abriu o paquete e viu o libro. "Oh! Que bonito! Moitas gracias! e blablabla!"
Pero o que realmente non se esperaba era o segundo regalo. Non sei se a cara foi finxida ou non, pero creo que en case 17 anos xuntas, esta foi das primeiras veces nas que conseguimos "impresionala de verdade". Fixemos algunhas fotos do momento, se valen a pena prometo ensinárvolas.
O CD contén un total de 16 cancións e a canción do Mamut (17 en total :p) e cal é o título? Pois o único que se lle pode ocurrir a unha persoa logo de pasarse dúas horas facendo límites:
"Límite cando Sandra tende a 17"

As cancións que eu puxen foron "Love Today" e "My Family's Role in the World Revolution", como recordo a 4º da ESO e do Xograr en xeral, "Oso Panda!", pola súa enerxía positiva; "A Window to the Past" como guiño a un dos conectores que fixo que volveramos entablar relación fai un anos e "O Futuro da Navegación", como lembranza do verán 2010 e de bucarracho". As explicacións máis extensas xa as ten ela ^^.
E chegados a este punto, non teño moito máis que dicir que non se diga no vídeo. Pero en resumo:
Sandra, non son 17 aniversarios xuntas, son case 17 anos (e non, non é o mesmo, que dito en anos soa mellor, e xa nin che conto o ben que soa en días!). Berramos a diario (varias veces), discutimos, pelexamos e pensamos diferente; pero debe de haber algo forte que nos une, para seguirnos dirixindo a palabra (uns días máis que outros) logo deste tempo.

Se queredes saber o mal, mal, fatal que nos cae a homenaxeada, clicade no vídeo de abaixo!


FELICES 17, SANDRA!

2 mar 2011

Culture Villantre

Ooola, xentiña!
Tranquis todos, que chegamos enteiras de Andorra, pero... vamos dicir que estivemos "ocupadas".

Unha das cousas que ocupou o noso tempo foi este traballiño para francés: o programa de radio Culture Villante. Presentarémolo a un concurso e non aspiramos a gañar, pero aquí está o resultado dun dos meus primeiros traballos como "xornalista".
O contido é obra de Tania, Noelia, Sandra e miña. As correccións e o control do son á hora de gravar son do profe de francés, Miguel.
Despois de aproximadamente uns... 10 ¿? intentos, saiu algo mínimamente pasable e que, aínda que con imperfeccións, foi feito con moitas ganas e ilusión. Por iso me decidín a amosárvolo.

Para que vos fagades unha idea, a idea xira en torno a unha cidade inventada que ten a capacidade de flotar e moverse dun lado a outro: Villante, que é un xogo de palabras entre ville e volante. Dependendo da cidade sobre a que estén flotando, o programa farase no idioma que corresponda.
As noticias son inventadas. Este programa (primeiro e probablemente único) contén unha entrevista coa famosa cantante galega, Noelia Sangil; unha reportaxe sobre a exposición de fotos do polémico Marc Lorraine e outra sobre a Feira do Libro de Villante, que este ano xira en torno ó mundo de Jules Verne.

Cal é o resultado? Un programa de case nove minutiños cheo de cousas sen-sentido. Abúrreste? Pois dalle ó play!


15 ene 2011

Go Andorra 2.0

Fai dous anos, máis ou menos por estas datas, contábamosvos que nos iamos ir unha semaniña a esquiar.
Ben, a entrada repítese. Nunhas horiñas Sandra e máis eu estaremos camiño dese pequeno país situado entre Francia e España.
¿Que nos queda por diante? Unha viaxe eterna, moitas noites sen durmir, clases de esquí, visita a caldea e á pista de xeo, festa, festa e máis festa.
Teño unha pequeniña idea rondando pola cabeza sobre como vos poderíamos amosar o que facemos alí, xa veremos se chega a bo porto.
Vémonos nuns días!
... e GO ANDORRA!

28 dic 2010

Outra frase

L: Axúdasme a buscar a consola?
Eu: Onde está?

15 dic 2010

Dez cousas que me encantan

Non hai moito publiquei unha lista de tres cousas que me molestan especialmente. Hoxe vou facer o contrario: unha lista de cousas que me encantan. Desta volta poño dez puntos, que sempre mola máis falar (escribir neste caso) do que a unha lle gusta.

1. O queixo con marmelo (tamén chamado marmelo con queixo).  
2. Imitar á xente, aínda que son consciente de que non domino a arte.
3. Que o espertador soe en sábado. Apagalo e seguir durmindo é unha experiencia do máis gratificante.
4. Que alguén se ría pola miña culpa.
6. Inventar sobre a marcha unha PISE (palabra inexistente de significado evidente). 
7. Ter vacacións en inverno.
9. As fotos antigas.
10. Os ukeleles e os acordeóns.

9 dic 2010

El Internado

Vale, chega con dous meses de retraso, pero chega: a requeteprometida entrada sobre El Internado.

71 capítulos.
7 temporadas.
3 anos e medio de duración.
Para aqueles que non coñezan a serie, que se salten esta ent
rada, porque non se van enterar de nada. Se queredes, podedes ver (ou volver a ver) a serie aquí (viiiva a publi gratis!!); ánimo! tedes por diante unhas 89 horas de serie!

Recórdome vendo os inicios da serie, morta de medo, e penso: "era unha anana", pero engánome, probablemente a día de hoxe seguiría necesitando a miña nai na habitación para vela. Aínda antonte, cando ía de camiño á casa (para chegar hai que pasar por un camiño que ó lado esquerdo ten un campo rodeado de árbores), pensei no medo que me daba imaxinar que de entre as árbores podía saltar o gnomo e, ante esa visión, acelerei o paso.
Nos seus inicios, ninguén pode negar que El Internado rompeu moldes e foi pioneiro nun xénero moi pouco tratado no país: mutacións, nenos secuestrados, luces estranas (respecto a esto, non podo deixar de contar que, cada vez que nunha habitación escura se encende unha luz, ou cando alguén encende unha lanterna ou en calquera situación de socato xorde algún tipo de iluminación, sempre, SEMPRE, hai alguén que di "Primero fue la luz..." e alguén que remata "...y después empezaron los crímenes"), sucesos inexplicables... Situacións que conseguían poñer os pelos de punta.
O remate da primera parte foi un dos máis impactantes, tal vez porque aínda non estabamos acostumbrados ó suspense constante da Laguna Negra. Co tempo, aprenderíamos (ou non...) a quedarnos co corazón nun puño.

De toda a serie, recordo con especial medo o Gnomo e ó Roque-fantasma.
Nun principio, non me gustou a idea do virus que os contaxia a todos, sobretodo tendo en conta que estabamos en plena crise da Gripe A, pero, fora ou non unha improvisación dos guionistas, finalmente conseguiu convencerme.
Cunha lentitude desquiciante, foron pasando os capítulos, morrendo e aparecendo personaxes, creando un xogo (Aquel de ¿Dónde está Yago?, que nos tivo a miña irmá a máis a min enganchadas toda a temporada, o final foi XENIAL, foi como unha gran alianza entre fans de toda España) descubrindo novas tramas e rematando as tempadas máis e menos fortes ata chegar ao 21 de xulio, cando cunha promo sen nada de especial, me quedei expectante, á espera de que chegara setembro para saber quen chega ó final".
Durante os días anteriores ó remate da serie, estiven bastante volcada co tema: videoencontros, páxinas webs, quijnielas... Ata que unhas horas antes do comezo do capítulo 71, lin por error na Wikipedia algo como "El virus se propaga y mueren casi todos. Al final, se muestra un cinco años después en el que salen los pocos supervivientes". E creíno, non completamente, pero case. Polo que foi un alivio comprobar que a cousa era ben distinta. Á persoa que colgou eso, solo lle digo unha cousa: ocioso/a!
Quedei bastante satisfeita co final, pode que a miña ansia de sangue non quedara satisfeita, pero... é máis bonito así (^^).

Recordo con especial cariño o remate da cuarta temporada, que vimos todos xuntos nun hotel en Andorra, o 15 de xaneiro de 2008. Foi unha anéctoda máis da nosa viaxe á neve.
Como anéctoda, déixovos a foto da quiniela que fixemos uns cantos sobre as mortes da Laguna Negra... que... agora que o penso ¡¡non comprobamos quen acertara máis!!
Gustara máis ou menos, tivera máis ou menos importancia, é difícil atopar a algún rapaz ou rapaza da nosa idade que non vira, polo menos, algún capítulo.
¿Podemos dicir entón que El Internado é o Verano Azul da nosa xeración?

E esto é todo. Teño que admitir que non era esto o que quería escribir cando pensei nesta entrada, nin de lexos. Pero é o que hai... sei que o podería facer moito mellor, pero teño a serie xa algo difuminada. Puff... será mellor que lle de xa a "PUBLICAR ENTRADA", antes de que me arrepinta....


Pdta.: ¡E a min pareceume ben a morte de Carol!

7 dic 2010

Un peu de vin

O aburrimento fai cousas incribles, como conseguir que collas un libro de texto sen ter necesidade. Andaba eu ociosamente dándolle voltas ao meu C'est la vie ! 1 cando atopei isto:


Curioso xeito de exemplificar os adverbes de quantité.

29 nov 2010

Contra o estrés

Cada quen loita contra o estrés como pode. Eu fágoo a golpe de Mp4 (ou de Spotify). Non podería sobrevivir a semanas como a que teño por diante sen música.
Como curiosidade e para que o blog non entre en estado de coma, deixo unha mostra das cancións que me están acompañando e relaxando estes días:

El bosque - Nadadora



Bombay - El Guincho



Fire scape - Fanfarlo



Toda esa enerxía escura - Fanny + Alexander



La plage - Benjamin Biolay et Chiara Mastroianni

19 nov 2010

Os meus "máis visitados"

Agora mesmo, mentres remataba a merenda, dinlle A unha tecla E na barra de google chrome saltoume unha dirección determinada, borrei, cambiei de tecla, e saltou outra. Obviamente, eso non é ningunha novedade, pero eu, pobre aburrida, empecei a mirar tecla por tecla, por eso de "a ver que sae...":
¿Queres coñecerme un pouco máis? Esta é unha boa forma:

D- Digalego (unha das que máis me sorprendeu)
F- Facebook (tamén me sorpredeum bastante, a verdade...)
G- Gnula (son máis pirata do que me pensaba...)
J- Javier Ruescas (alucino)
K- non da resultados
N- non da resultados
Ñ- non da resultados
P- Películas Yonkis (estou moi arrepentida, prometo non volver facelo...)
Q- non da resultados
S- Series Yonkis (... :S)
V- non da resultados
X- non da resultados
Z- non da resultados

Fin da entrada. kSS. Establecerei contacto de novo cando os exames estén liquidados. kSSS. Corto e cambio. kSSS.

14 nov 2010

Mollarse

O Goberno prefire non mollarse co asunto do Sáhara Occidental. Parécelle máis importante segir levándose ben con Mohamed VI ca condenar abertamente o ataque ao campamento de Agdaym Izik.

Haberá quen defenda o argumento dado por Trinidad Jiménez ("para condenar habería que ter un coñecemento completo de cales foron os feitos"), e probablemente non lle falte razón. A esaxerada variación dos datos de vítimas segundo a fonte é como para pararse a pensar, mais acontece unha cousa: Marrocos non quere que xornalistas estranxeiros conten o que está pasando no Aaiún ocupado. Pode que o Polisario estea inchando os datos, si, pero se dende Marrocos se intentan frear as informacións é por algo.

Haberá quen diga que é perfectamente comprensible que o Goberno queira manterse seco, que enfriar as relacións con Marrocos sería un contratempo, e seguramente tampouco lle falte razón. Pero co conto de non se mollar hai preto de trescentas mil persoas que levan máis de trinta anos vivindo en campamentos provisionais no medio do deserto, nun lugar onde ninguén escollería vivir. Miles de nenos que nunca viron o seu país, miles de vellos que morrerán sen volvelo ver.

Con este panorama a situación non vai cambiar nunca. Para vencer as inxustizas hai que mollarse, non queda outra. Hai que arriscarse a saltar á auga e logo, con sorte, xa nos deixarán unha toalla.



13 oct 2010

Tres cousas que odio


1. Os yavoys dos móbiles.
2. As risas enlatadas.
3. Ver palabras esdrúxulas sen acentuar.

Parecerá unha tontería, pero de veras que me acabo de quedar moi agusto.

3 oct 2010

O Trivial

Hoxe botei unha partida de Trivial e... gañei! Había anos (e non esaxero) que non xogaba, e xa me esquecera do moito que pode molar ese xogo. Tensión, prenguntas, emoción, respostas, quesitos e frases do tipo de "incult@, iso sábeo todo o mundo!". Vamos, que poucas cousas superan unha partidiña nunha tarde de frío en boa compañía.
Claro que o mellor do Trivial son as preguntas trampa. Hoxe a min tocoume responder á seguinte:

¿Cuál es el instrumento de la orquesta que, según su nombre, más cuesta tocar?

Quedeime de pedra pómez. Non se me ocorreu nada e perdín a oportunidade de conseguir un quesito. A resposta era:

El contrabajo.

Se mo chegan a contar como chiste, probablemente me parecería malísimo, pero nese contexto fíxome unha graza tremenda. Trivial facendo un chiste! A propia situación é do máis chistosa.

E a falta de algo interesante que contar, deixo un monólogo do gran Joaquín Reyes relacionado co tema que sempre me fai soltar unhas cantas gargalladas:








27 sept 2010

Anécdota xogarina 2

Exercicio na clase de galego consistente en explicar a diferencia de significado entre bola e bóla.
-María, que leva a bola? Levadura, sal...-preguntou Eugenio.
-... fariña... para que o queres saber?-dixo ela.
-Para facer o exercicio!

22 sept 2010

Adeus, Ran

-Por favor, por favor, Ran... – suplicaban os rapaces, case chorando – … non marches, non…

-Veña, tranquilos todos. Non vos preocupedes, ¡se nuns meses volveremos estar xuntos! – intentaba animalos.

-Mentira… queda moito… ¡nove meses son demasiado tempo! – Insistía Lucía – Eu non quero que marches nunca.

- Mira, prometémosche que lavaremos os dentes todos os días, e repasaremos a táboa de multiplicar e comeremos todo o que haxa no prato. ¡Faremos caso de todo o que digan os papás! – intentou Ramón.

-Non pode ser. – cortou Ran – estanme esperando noutros sitios, non lles podo fallar.

-Pero… pero… - hipou un – pero … ¿Por que?

-Xa volo expliquei: son cousas do traballo. Ademais, non sei por que vos poñedes tan tristóns, ¡se en canto eu marche, virá Toño!

Ese comentario pareceu entristecer aínda máis aos rapaces, que a miraron cos ollos brillantes.

-Xa teño que marchar, o voo sae as 5:08. – anunciou – Portádevos ben mentres eu non estea, ¿dacordo? Xa veredes que ben o ides pasar con Toño, Erno e Vera.

Lucía sorbeu os mocos e dixo con voz tomada:

-¿Prometes que vas volver?

-Que si homiño, o 21 de xuño estarei aquí. Palabra. – dedicoulles un último sorriso entrou na porta de embarque.

E o verán marchou.

Cando o reloxo marchou as 5:09, ante os rapaces apareceu un home grande e de aspecto afable.

-Boas, son Toño.-presentouse o outono.

_____________________________________________________________________

Levo pensando esta entrada desde principios de agosto, por unhas cousas e outras, non me puxen con ela ata o de agora.

Rematou o verán. Rematou a troula, as tardes sen facer nada e o erguerse ás doce da mañá.

Destes tres meses quédome co aniversario, as tardes polo chanto e o malecón, os partidillos de fútbol nas que me metían tres ou catro goles mínimos, o concerto de Mika, as aceñas 2.0 e si, tamén cos ratos falando polo chat, aínda que só fora para dicir "abúrrome".

A canción que me soa na cabeza ao pensar no verán 10, é Lollipop e, como non, Os Piratas (... non gostamooos, dos mascatooos, pooorque baixan das alturas...).

O libro do verán é A praia dos afogados, de Domingo Villar.

O lugar... mm... Sarria/Vilasante/Castrelos.

A frase, "yo no soy marineerooo, soy un delfín!!!".

E o momento non entra neses tres meses, así que... deixoo o oco: _____.


Empezo o curso algo angustiada e cun baixón que, sorprendentemente, a medida que avanzan as clases, vai diminuindo.

Teño moitas cousas por facer nestes nove meses, o principal é non baixar as notas, tamén espero continuar ca revista (estreamos blog! pasádevos!!!) e poder ir visitar Andorra unha vez máis (profes! Eso depende de vós!!).

Pero tamén teño ganas de disfrutar o curso, de pasalo ben e de aproveitar o tempo.

¿Un propósito? - Estudar ó día.

En nove meses (270 días, en realidade), veremos en que quedou a cousa.


Pero non creo que faga falta esperar tanto se queredes saber máis das nosas andanzas polo Xograr. Decidimos contar no blog unha anécdota/frase diaria que marcara o noso día no instituto. A de hoxe, escollida por Sandra, é a seguinte:

-¿Onde está Eugenia?

-Cambiouse para música.

-¿Como o sabes?

-Non o sei, pero cruceime con ela e ía cunha flauta...

(os nomes empregados nas frases non serán os verdadeiros, por motivos obvios)

Todo por hoxe, ata loghiño!

Frases para a historia #2

A ver... collo a libreta...
ábroa e... ¿que lle fago?

3 sept 2010

Hipo de animais

O meu caderno de deberes de segundo de primaria era un dos obxectos que máis odiaba neste mundo. Era horrible ter que collelo cada tarde e poñerme a facer aqueles aburridos exercicios (xeralmente copiados ou series de números) que me roubaban marabillosos minutos de xogo.

Afortunadamente, de cando en vez, a profe mandávanos escribir un conto. Aquilo si que me gustaba, e moito. Facía os deberes con ilusión nesas tardes ocasionais, como a de aquel catro de maio na que escribín isto:


Non había moito que fixera os oito anos. Hoxe, con outros tantos enriba, léome e sorpréndome. O conto paréceme supermolón (faltas e demais a parte) e realmente orixinal. Á profe tamén llo parecía. Alguén opina o contrario?

1 sept 2010

Homesick

A banda sonora perfecta para os días de morriña (homesick). No meu caso, para os días coma hoxe:

20 ago 2010

Catro historias e un final

Un

Ábrese o telón e Sofía por fin ve o seu público. Varios centos de pares de ollos fítana con emoción, impacientes por escoitar a súa impresionante voz.

O director da orquestra comeza a abanea-los brazos e os instrumentos liberan por fin as primeiras notas. Sofía colle aire e fai vibrar as súas cordas vogais:

Non, rien de rien
Non, je ne regrette rien
Ni le bien qu'on m'a fait, ni le mal
Tout ça m'est bien égal.

A emoción sae da súa gorxa, espallándose por todo o teatro e facendo cóxegas nos estómagos daqueles que están sentados nas butacas.

Dous

Auga. Non existe nada máis; só a auga que lle fala preto da orella. Os calos dos pés, a dor de cabeza, a avaría do coche, a vista cansa… todos desapareceron. Fóronse. Está flotando e a auga é o único que existe para el.

Tres

Dígollo ou non llo digo? Merda! Joé, se fose un pouco máis valente… pero non, son un covarde. Aínda así teño que dicirllo, teño que se valente por unha vez. Pero claro, se llo digo e sae mal, nada volverá ser coma antes. Ains…

Catro

Todos están xa no barco, rumbo dunha nova vida.

A auga inundará en poucos minutos as súas terras. Dentro de nada os seus fogares non serán máis ca fondo mariño.

Edna observa por última vez a súa casa dende a cuberta da embarcación. Non está triste, polo menos non moito. Só unha miga. Deixar a casa dóelle, pero a emoción de ir ver por fin o mundo compensa a mágoa.

—Coidado!—berra de súpeto un rapaz que andaba tamén pola cuberta.

—Que pasa?—pregunta Edna, pero xusto nese intre a pregunta vólve absurda; ela mesma pode ver a resposta.

Un golfiño xigante que dispara auga pola boca está atacando o barco. Todos corren, a pesares de que sospeitan que non servirá de nada.

E todas remataron…

…cando deixou de vir a auga quente.